O valor persoal, ambiental e social da agricultura en AMIPA
29 noviembre 2019

Os beneficios das vivendas comunitarias: o cohousing

O “Cohousing” é un termo que cada vez se escoita máis en España e que consiste nun modelo organizativo de desenvolvemento de proxectos de vivenda que pola súa versatilidade, os seus beneficios económicos e beneficios sociais é unha opción interesante. Vivir en comunidade, fomentar as relacións socias, ser partícipe do que ocorre no entorno, volver a relacionarse coas veciñas e veciños, aprender a xestionarse … son algúns dos beneficios deste modelo de vivenda.

Este modelo de convivencia englobase dentro das estruturas de “Cooperativas de consumidores e usuarios” (sociedades constituídas por persoas que se asocian) e xurdiu por primeira vez en Dinamarca nos anos 70 por parte de varias familias ao non atopar unha vivenda adecuada. Desta forma decidiron organizarse e deseñar con profesionais o edificio á súa medida (avogadas/os, arquitectas/os, enxeñeiras/os, economistas …) e a maneira na que ían a estruturar legalmente este novo modelo. E conseguiron que o “cohousing” sexa unha organización sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é mellorar as condicións de vida das súas veciñas e veciños.

Mais a finalidade social deste modelo non é só construír un edificio, se non xestionar o funcionamento do mesmo e dos distintos servizos que as/os cooperativistas queiran desfrutar: limpeza da vivenda, lavandería, lecer, actividades extra-escolares para as fillas e fillos, compra de enerxía colectiva, …

Este modelo aínda non é unha modalidade de vivenda habitual en España e  pouco a pouco contémplase como unha opción para persoas maiores que non queiran vivir soas, persoas que queiran vivir con amigas/os, persoas con discapacidade que queiran dar o paso a unha vida independente, familias numerosas, profesionais que traballen na casa, persoas e familias ás que lles gustaría reorganizar a súa vida para gozar de máis tempo e diminuír gastos …

Os datos actuais xa mostran que hai 15 vivendas colaborativas en España e son 35 os proxectos que están en fase de construción.

Este tipo de sistema ofrece unha opción fronte aos sistemas actuais como as residencias ou as contratacións de persoas coidadoras. As persoas que queiran probar esta forma de vida, deben formar parte dunha comunidade de veciñas/os con necesidades afíns. Ademais, as persoas poden manter a súa independencia económica e a súa privacidade, mentres fan uso das zonas comúns e dos servizos que ofrece a cooperativa ás persoas socias, onde se pode vivir creando novas relacións e evitar a soidade.

Á Asociación AMIPA interésalle este modelo de vivenda, polo que no ano 2019 nos sumamos ao proxecto “Sueño con-vivir contigo – La diversidad intelectual sin límites para una vida autónoma e independiente”, proxecto europeo cofinanciado polo Programa Erasmus+ Juventud, que lidera a Asociación San Xerome Emiliani de A Guarda (Pontevedra), xunto con outras entidades sociais galegas: Accesca, Amicos, Apamp, Aspaber, Aspadex, Centro Juan María  e 1 entidade italiana:  Associazione Pegaso. Ás entidades únenos a necesidade de traballar conxuntamente na identificación, definición e posta en marcha de solucións residenciais innovadoras que respecten os dereitos, desexos e soños da emancipación das persoas con discapacidade intelectual. As persoas con discapacidade intelectual soñan con poder gozar dunha vida autónoma, independente das súas familias, vivindo de forma individual, en parella ou con amigas/os, nun ambiente cooperativo e enriquecedor.  E na súa contorna de referencia, no seu pobo, na súa vila, na súa comarca…

Despois dun intercambio en Italia, en marzo de 2019, para coñecer unha realidade de excelencia a nivel europeo en solucións residenciais innovadoras, Casa Pegaso, na rexión de Puglia, en Italia, realizamos outro intercambio en España, en novembro de 2019, para que as persoas xestoras de Casa Pegaso poidan coñecer a nosa realidade na prestación de servizos ás persoas con discapacidade.

AMIPA está na fase de estudo dun modelo desexable e realizable e viable para que as persoas con discapacidade da asociación que o desexen poidan facer realidade o seu soño de vivir de modo independente nun futuro, agardemos que próximo!