O valor persoal, ambiental e social da agricultura en AMIPA

Os beneficios dos animais nas nosas vidas
28 octubre 2019

O valor persoal, ambiental e social da agricultura en AMIPA

Ao longo da historia, a agricultura estivo destinada a proporcionar alimentos para a propia familia, para logo pasar á comercialización, onde grandes áreas de terra producen un só cultivo para a súa venda.

Pola contra, nos zonas rurais de Galicia continúase mantendo prioritariamente o cultivo en pequenas hortas para consumo das familias e como ingreso económico coa venda dos mesmos nas prazas de abastos e mercados locais.

E como combinamos dende Amipa a agricultura e estarmos no rural?

O Centro Ocupacional de Amipa atópase na antiga casa reitoral da mesma parroquia, situada no concello de Rois. Zona eminentemente rural. O proxecto de agricultura de Amipa enmárcase dentro das iniciativas da entidade, tendo en conta a experiencia previa que algunhas persoas con discapacidade intelectual teñen do traballo coa terra e co traballo na horta das súas casas.Trátase  dunha actividade significativa para elas.

Amipa apostou por este proxecto con procesos de formación hai máis de 12 anos e, posteriormente, un programa de horta onde se levan a cabo as diferentes tarefas da mesma, no invernadoiro da horta da casa reitoral.

Queremos ser respectuosas/os co medio ambiente e coa terra, seguimos directrices marcadas pola agricultura ecolóxica, posto que non usamos axentes químicos nin para aumentar a produción dos nosos produtos nin para as pragas que puidesen sobrevir na nosa prantación. E tamén con rotación de produtos de tempada: no verán temos pementos de Padrón, leitugas, cabaza, chícharos,… e no inverno: repolo, coliflor, brócoli, nabizas,…

A venda dos nosos produtos é  de proximidade, previo encargo, no propio centro, e a través dunha produtora local, Carmen Ecolóxicos, na Praza de Abastos de Vilagarcía.

Debemos ter en conta, ademáis, que o traballo na terra implica un contacto directo coa natureza dende 2 visións: ver medrar unha pranta á que agarimamos as persoas de Amipa, vivenciando todo o seu proceso así como os beneficios que lle reporta ás persoas o contacto directo coa natureza. Seguiremos compartindo máis cousas dos beneficios da agricultura máis para diante!