As persoas participantes recibiron e orientaron ás persoas peregrinas, compartiron a cultura galega e mostraron a artesanía elaborada na asociación
A última xornada reuniu na Escravitude o voluntariado de AMIPA e 50 mozos e mozas de Latinoaomérica participantes no programa ‘Conecta con Galicia no Camiño’

A Asociación AMIPA celebrou o pasado 29 de xullo unha nova etapa do proxecto Camiño á Inclusión cunha xornada de convivencia e intercambio cultural celebrada no adro da Igrexa da Escravitude. A iniciativa situou as persoas con discapacidade intelectual como protagonistas da acollida ás persoas peregrinas, convertendo o Camiño Portugués nun espazo de hospitalidade, aprendizaxe compartida e inclusión.
A actividade coincidiu co paso dun grupo de 50 mozos e mozas de Latinoamérica descendentes de persoas españolas, participantes no programa Conecta con Galicia no Camiño, promovido pola Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia e coordinado por Alma Peregrina. A mocidade realizaba o Camiño Portugués desde Vigo e compartiu coa representación de AMIPA a última etapa da ruta.
Durante a mañá, un equipo de acollida formado por persoas voluntarias de AMIPA ofreceu información sobre o Camiño de Santiago e deu a coñecer as pezas de artesanía elaboradas na asociación. As persoas participantes tamén mostraron diferentes instrumentos musicais tradicionais galegos, explicaron como se tocan e convidaron á mocidade a practicar xogos populares como a chave.
A programación completouse cun obradoiro de estampación de árbores tradicionais galegas. Cada participante puido levar a súa creación como recordo do encontro. Coa colaboración de Galiwonders, o voluntariado selou as credenciais das persoas camiñantes e contou con apoio para comunicarse coas persoas peregrinas estranxeiras. A xornada completouse coa proposta Pegadas peregrinas, na que as persoas camiñantes puideron deixar a súa mensaxe e os seus debuxos sobre unha tea branca.
O párroco de Padrón, recentemente nomeado cóengo da Catedral de Santiago, Roberto Martínez, guiou á mocidade participante nunha visita á igrexa da Escravitude, durante a que explicou a historia e os principais elementos do templo e os exvotos que se poden ver na sancristía. A xornada rematou cunha fotografía de familia e intercambio de experiencias e mensaxes entre as persoas de AMIPA e o grupo de Conecta con Galicia no Camiño.
Con este encontro AMIPA avanza nunha iniciativa na que as persoas con discapacidade intelectual asumiron un papel activo como anfitrioas, informadoras e transmisoras do patrimonio da comarca do Sar.
A iniciativa respondeu, ademais, a un propósito expresado polas propias persoas usuarias de AMIPA durante un proceso de reflexión sobre o futuro da entidade: “coñecer persoas, facer cousas con sentido e avanzar no cumprimento dos nosos somos”. Ese desexo atopou no Camiño de Santiago un espazo privilexiado para converterse en realidade.
Persoas participantes no proxecto
Por parte de AMIPA participaron na iniciativa Laura, José, Ana María, Teresa, Pablo, Olga, Sonia, Ángel, Juan Carlos, Juan José, Isabel, José Antonio, Elisa, Claudio, Lucía, Maruxa, María del Carmen, José Carlos, Inés, Jorge, Suso, Yolanda e Mateo.
Formación previa
Para chegar a estas xornadas de Camiño á Inclusión, as persoas con discapacidade intelectual de AMIPA completaron un programa de formación específico sobre a historia do Camiño de Santiago, atención á persoa peregrina, comunicación accesible, patrimonio rural galego, habilidades sociais e outros aspectos relacionados coa hospitalidade. Durante as xornadas tamén selaron credenciais, deron a coñecer recursos da contorna e compartiron coa veciñanza e cos visitantes a artesanía e os produtos de papelería elaborados nos obradoiros de AMIPA, inspirados no Camiño e na identidade da comarca do Sar.
Camiño á Inclusión aposta por un modelo no que as persoas con discapacidade intelectual deixan de ser unicamente destinatarias de programas sociais para asumir un papel activo como anfitrioas, compartindo coñecementos e hospitalidade con persoas chegadas de diferentes países. O proxecto busca favorecer o intercambio cultural, fortalecer os vínculos coa comunidade e contribuír a unha visión máis aberta e participativa da inclusión.
Camiño Xacobeo Inclusivo
A iniciativa está impulsada por Alma Peregrina, en colaboración con AMIPA, que financia o proxecto, e conta co apoio da axencia especializada Galiwonders, que colabora con recursos económicos, materiais e persoal para labores de tradución, ademais da Parroquia da Escravitude e doutras entidades vinculadas ao Camiño de Santiago. O programa desenvólvese durante os meses de xullo, agosto e setembro e culminará cun Camiño Xacobeo Inclusivo ata a praza do Obradoiro, nun acto colectivo que porá o broche final a esta experiencia de participación comunitaria.O proxecto nace tamén da vontade das propias persoas con discapacidade intelectual de AMIPA de participar activamente na comunidade, coñecer novas persoas e desenvolver iniciativas con sentido para elas, un propósito que guía esta iniciativa desde a súa orixe.


































