Historia de Amipa

Desde Padrón 1997

Historia

Historia de Amipa

Desde Padrón 1997

A Asociación de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual da Comarca do Sar (AMIPA) nace en Padrón no ano 1997 por iniciativa de 5 nais e 1 pai que poñen en marcha unha asociación de familias para dar resposta á falta de oportunidades para as rapazas e os rapaces con discapacidade intelectual na comarca do Sar.

Entre as familias existía a preocupación respecto ao futuro das nosas fillas e dos nosos fillos unha vez rematada a etapa escolar e, co apoio e orientación dos servizos sociais municipais, comezamos a traballar nun proxecto compartido polos concellos da comarca: Dodro, Padrón e Rois

Nun principio,

a entidade articúlase como unha modesta rede de talleres rurais. O primeiro deles comeza en 1997 nunha pequena aula en Padrón no que participan as persoas con discapacidade facendo traballos de cestería. 

Dende o ano 2003,

AMIPA funciona como un proxecto comarcal grazas ao traballo de manipulados encomendados por dúas empresas da contorna. A primeira é a fábrica de Nestlé España SA, de Pontecesures, que propicia que as persoas daqueles primeiros talleres rurais de Dodro, Padrón e Rois se asocien e se xunten para comezar a súa formación en procesos manipulativos. A segunda oportunidade, no ano 2005, vén da man da empresa Stac SL (do grupo Cortizo), que permite que as persoas con discapacidade se formen en traballos de manipulado de aluminio, sector de referencia na comarca, a través dun Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (plan FIP).

Nuns locais cedidos polo concello de Padrón e da man de profesionais, AMIPA acaba consolidándose co tempo como un proxecto integral de formación continua que ademais ten como finalidade favorecer o desenvolvemento integral de cada persoa con discapacidade intelectual.

No ano 2010

abrimos o centro ocupacional na reitoral da parroquia de Sorribas (Rois), que foi cedida polo Arcebispado de Santiago por un período de 30 anos. Tras a restauración do inmoble, esta cesión permítelle a AMIPA consolidar o desenvolvemento dun traballo continuado que garante e dignifica a atención ás persoas con discapacidade intelectual. 

Ademais de seguir cos traballos de manipulado que nos encargan Nestlé e Stac, as persoas con discapacidade intelectual fórmanse en horta ecolóxica, artesanía, traballos eventuais con outras empresas da contorna… 

Neste proxecto é clave a implicación das familias, dos profesionais e de diversos axentes sociais da contorna.

No ano 2017

en AMIPA celebramos o 20 aniversario cun grande acto que reuniu a persoas con discapacidade, familias, profesionais e representantes do ámbito político, empresarial, social, sanitario e educativo. Supón un acto de agradecemento ás persoas que contribuíron ao longo de 20 anos a percorrer o camiño cara a inclusión das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.

En 2018

e tras un proceso de reflexión, comezamos un proceso participativo para elaborar o Plan de Acción de Consultaría de Plena Inclusión España. Este plan ten por finalidade redefinir a misión, visión e valores e deseñar novos servizos e programas para as persoas con discapacidade de AMIPA, dende o modelo de calidade de vida e a planificación centrada na persoa. Un plan que continuamos a desenvolver na actualidade.

En 2022

celebramos os nosos 25 anos de vida reunindo novamente nun acto festivo e reivindicativo a máis dun cento de asistentes, entre persoas usuarias, familiares e representantes políticos, empresariais e sociais. Ademais, co gallo do 25 aniversario presentamos unha imaxe corporativa renovada, que reflicte a vinculación co rural das persoas con discapacidade intelectual a través da cor verde ao tempo que mantén a cor azul tradicional do logotipo de Amipa.

Scroll ao inicio