A xornada lúdica coincidiu na data do solsticio de verán
Unhas de 120 persoas compartimos momentos de lecer, festexando a chegada da estación estival, arredor de comida, do xogo e a música tradicionais.
A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, de Melide, foi a encargada de traer distintos xogos populares que tiveron unha magnífica acollida entre as persoas participantes. A parte musical estivo a cargo das Repeniqueiras de Urdilde que amenizaron dun xeito especial esta festa senlleira.
Ao remate da festa celebramos entre as persoas asistentes un sorteo de produtos de artesanía elaborados polas persoas do Centro Ocupacional de Sorribas que xestiona a Asociación AMIPA e tamén de produtos da horta do propio centro.
O encontro festivo tivo lugar nun espazo privilexiado, a nosa horta da Reitoral de Sorribas, dende as 19:30 h. ata as 22:00 h. Esta celebración segue contribuíndo a afianzar os lazos de unión entre as persoas da asociación e a veciñanza de Sorribas, así como a pór en valor a cultura tradicional galega.