Promover sociedades inclusivas no rural e comunidades que sexan capaces de facilitar a participación de todas as persoas é o obxectivo da iniciativa AIREA LOCAL, que hoxe promoveu a Asociación AMIPA na súa sede social de Sorribas (Rois) e na que participaron 90 persoas procedentes de toda Galicia. A especialista da Fundación Inclusión y Apoyo Aprocor, Ester Ortega, e o especialista holandés en integración social Erwin Wieringa foron os encargados de dinamizar as diferentes sesións.
“A boa vida dunha persoa con discapacidade intelectual depende do entorno onde lle toca vivir. Hai entornos que discapacitan e entornos que posibilitan”, asegurou Ester Ortega, que leva dende 2015 fomentando a creación de sociedades inclusivas. A idea é fomentar iniciativas que axuden ás comunidades a acoller “a calquera persoa, independentemente da súas circunstancias”, sinalou a especialista, quen resaltou que este é un papel que teñen que asumir non só as persoas con discapacidade, as súas familias e os profesionais que os atenden, senón tamén o resto das persoas que forman parte desa comunidade.
A xerente da Asociación AMIPA, Begoña Suárez, agradeceu a todas as persoas asistentes que hoxe quixeran “achegarse ata Rois para axudar a crear comunidades inclusivas tamén no rural”. Begoña Suárez resaltou que AIREA é unha iniciativa de innovación social que comezou en 2015 e que leva xa 21 edicións en diferentes lugares de España e de Europa. “En abril de 2024 xuntámonos en Madrid 100 persoas de 12 países de catro continentes en AIREA GLOBAL, un encontro no que xurdiu a iniciativa de crear esta reunión en Galicia”.
Ademais da xuntanza que hoxe se celebrou en Rois, haberá tamén outras en Crecente (mañá, 13 de xuño) baixo a denominación AIREA Semillero, e una AIREA Aliados en Mos, o venres 14. Ester Ortega indicou que todos os AIREA se estruturan coa metodoloxía da Teoría U, do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. “O obxectivo e xerar encontros transformadores onde persoas diversas nos xuntamos para pensar como mellorar os nosos vínculos para que todas as persoas teñamos unha boa vida”, engade a responsable da Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca do Sar.
Ester Ortega resalta que AIREA está conectada con moitas experiencias doutras partes do mundo, a través da Cooperativa Mundial de Cidadanía, Citizen Network. Neste senso, Erwin Wieringa resalta que estas reunións son importantes “para que todos os cidadáns tomemos conciencia da necesidade de coidarnos uns a outros. A principal conversa en España e noutros países non é sobre política, senón sobre como debemos relacionarnos as persoas de diferentes colectivos para establecer vínculos que nos axuden a mellorar como sociedade. E nesta liña, as persoas con discapacidade poden axudar á sociedade a crear mellores comunidades”.
O acto contou coa presenza de representantes políticos dos tres concellos da comarca. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, foi quen lle deu a benvida a todas as persoas asistentes, asegurando que “é posible que dende este recuncho do Finisterre poidan saír iniciativas que sirvan para transformar o mundo”. Entre os asistentes tamén se atopaba o subdirector xeral de Programas de Apoio á Discapacidade da Consellería de Política Social, Luis Miguel Vázquez; o alcalde de Dodro, Xavier Castro; e a concelleira de Servizos Sociais de Padrón, Mariló Saco.
Estas xornadas celébranse en Galicia grazas a colaboración de AMIPA e EVD Galicia, Muller e Discapacidade e á Fundación Inclusión y Apoyo Aprocor.