AMIPA réndelle homenaxe a Gerardo Lago Piñeiro cunha exposición permanente das pezas de artesanía que cedeu á asociación
Venres, 13 Marzo 2026
AMIPA réndelle homenaxe a Gerardo Lago Piñeiro cunha exposición permanente das pezas de artesanía que cedeu á asociación

AMIPA réndelle homenaxe a Gerardo Lago Piñeiro cunha exposición permanente das pezas de artesanía que cedeu á asociación

A sella, o carro, un arado ou unha grade son as creacións que máis lle gustan a este carpinteiro de 93 anos natural de Sorribas e veciño de Leroño.

“Síntome como un máis da familia AMIPA, e gustaríame que todo o mundo puidese ver esta mostra”, asegura o señor Gerardo.

Unha sella, un carro de vacas, un arado ou unha grade son algunhas das pezas de artesanía que se poden ver na exposición permanente que montou AMIPA en homenaxe a Gerardo Lago Piñeiro, carpinteiro de 93 anos natural de Sorribas e veciño de Leroño que lle cedeu á asociación case todas as pezas da súa colección particular. Na inauguración desta mostra, o señor Gerardo estivo acompañado polas persoas con discapacidade e o cadro de persoal de AMIPA.

“Eu síntome como un membro máis da familia AMIPA. Véñenme buscar, paso moitos días aquí con eles. Estoulles moi agradecido, porque me tratan coma un máis”, explica o señor Gerardo nun deses días que pasa na reitoral de Sorribas, lugar no que naceu e no que ten a súa sede social a asociación.

A directora de AMIPA, Begoña Suárez, agradece a doazón e resalta o “incansable traballo do señor Gerardo, que é memoria viva da cultura popular e sabe transmitirlle ás persoas con discapacidade o valor do traballo que se fai no rural”.

Gerardo Lago naceu o 8 de maio de 1932 no Vilar de Abade (Sorribas), e actualmente vive en Leroño, ambas parroquias de Rois, onde goza cos seus dos fillos, dous netos e catro bisnetos. “Fun carpinteiro toda a miña vida. Empecei aos 17 anos, despois de saír da escola. Estiven arranxando casas, tellados, pisos, portas. O que había”, lembra co bo humor que o caracteriza. “E daquela facíase todo a man, porque non había maquinaria. Había que subir as cousas todas ao lombo”, lembra.

Dende que se xubilou, Gerardo comezou a facer pezas de artesanía “para pasar un pouco o tempo. Discorro unha cousas e fágoa. Se me saen ben, gárdoas, se non van para o lume”, asegura cun sorriso nos beizos. Algunhas destas obras de artesanía véndeas, como fixo recentemente en Urdilde, e outras regálaas. “A min os cartos non me namoran. Só pido ter saúde”, asegura.

Entre as pezas que lle regalou a AMIPA pódese ver unha sella, un hórreo, un pozo, un pote, un arado, o carro de vacas, unha grade, un canizo ou un pozo. Todas están á vista no salón principal da asociación. “Gustaríame que todas as persoas que veñan ata aquí as poidan ver”, asegura o señor Gerardo, resaltando que hoxe é difícil atopar xente que queira ser carpinteiro e que faga pezas deste estilo e traballe a madeira. 

Hai uns anos estivo compartindo os seus coñecementos cun grupos de mozos e mozas de Rois durante unha actividade do verán. Incluso en AMIPA estivo ensinándolles ás persoas usuarias a facer cestos, aínda que recoñece que “non os fago moi finos, porque eu non estudei”.

“A sella é a que máis me gusta. O arado e o carro están moi ben. E facer un carro dun carreteiro non é fácil. Hai que ter en conta que podían cargar ata 3 ou 4 toneladas e andaban polas corredoiras e facían moitos quilómetros”, afirma, sinalando que “as rodas dos carros teñen un metro de diámetro e teñen só tres pezas, e había que furalas a man coa trencha. E daquela eran de madeira de carballo”.

Gerardo Lago defínese como “unha persoa moi tranquila, que soubo defender os seus dereitos, aínda que había que saber perder algúns naquela época. Pelexei moito na vida, traballei con outros carpinteiros e tiven ata traballadores ao meu cargo”. 

Como último consello, o señor Gerardo pídelles ás diferentes administracións “que miren máis polo rural, porque hoxe non hai quen poña un cristal nunha ventá”.

Scroll ao inicio