Luns, 01 Setembro 2025
A Asociación AMIPA vén de executar un proxecto de mellora das instalacións do seu Centro Ocupacional, situado en Sorribas (Rois), grazas á concesión dunha subvención da Deputación da Coruña no marco do programa FOIE 2025.
O investimento permitiu acometer actuacións de conservación e mantemento na planta alta do edificio, centradas na reparación de zonas afectadas por humidades e na aplicación de pintura térmica e anticondensación. Estas intervencións contribúen a mellorar o illamento do espazo, reducir a condensación e favorecer un ambiente máis saudable e confortable.
O importe concedido foi de 2.894,31€ , coeficiente de financiamento 0,2500% (BOP provincia da Coruña 87, de 09 de maio de 2025 )
A actuación foi cofinanciada pola Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e achegas de fondos propios da entidade.
O Centro Ocupacional de AMIPA presta servizo a 24 persoas adultas con discapacidade intelectual, así como ás súas familias, polo que estas melloras repercuten directamente na calidade da atención diaria e no benestar das mesmas e das e dos profesionais que lles prestan apoios.
Ademais da mellora das condicións ambientais, este proxecto contribúe á conservación dun edificio de valor patrimonial, a Reitoral de San Tomé de Sorribas, en Rois, e ao seu mantemento como recurso social especializado de referencia na comarca do Sar.
Desde AMIPA queremos agradecer o apoio da Deputación da Coruña que fixo posible continuar avanzando na mellora dos servizos e na calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual no rural.

