- As persoas usuarias foron protagonista no acto de aniversario, ao que asistiron o director xeral, os alcaldes da comarca e o bispo auxiliar de Santiago ||
- Lucía Esparís: “Queremos participar e formar parte do rural. É a vida que amamos” ||
- Jorge Soto: “Necesitamos poñer en marcha vivendas tuteladas, un centro de día e apoio para as nosas familias” ||
- A entidade estrea nova imaxe corporativa e agradece a colaboración de empresas e entidades nestes 25 anos ||
- A Xunta concédelle a entidade 4 novas prazas públicas, polo que financiará ás 24 do centro de Amipa ||
A Asociación de Nais e Pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar (Amipa) celebrou hoxe na reitoral de Sorribas (Rois), sede da entidade, os seus 25 anos de andaina reclamando e defendendo a integración das persoas con discapacidade intelectual no rural e propoñendo novos retos para o futuro, como un centro de día ou vivendas tuteladas. A asociación aproveitou para presentar e estrear a nova imaxe corporativa, e recivíu a nova de que a Xunta lle concede catro novas prazas públicas de residencia para ampliar as 24 coas que contra o centro de Sorribas.
O acto reuniu un cento de persoas e contou coa asistencia do director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Fernando González Abeijón; dos alcaldes Ramón Tojo Lens (Rois), Antonio Fernández Angueira (Padrón); do tenente de alcalde de Dodro, Ramón Abuín; do bispo auxiliar de Santiago, Francisco Fernández Prieto; e da vicepresidenta de Fademga, Carmen Taboada.
Para o presidente de Amipa, José Rodríguez, a asociación é “un soño feito realidade, un proxecto ilusionante no que seguiremos traballando, nos seguintes 25 anos, pola inclusión plena e real das persoas con discapacidade, sumando a forza de moita xente para acadar unha sociedade máis xusta.
Lucía Esparís, Jorge Soto e Inés Varela, tres das persoas usuarias da asociación, foron as encargadas de facer un repaso polos principais fitos da historia de Amipa, dende aquel 14 de maio de 1997, cando a asociación comezou a dar os seus primeiros pasos en Padrón, ata a actualidade.
Un camiño en defensa da inclusión social das persoas con discapacidade intelectual de Rois, Padrón e Dodro marcado polas lembranzas, os agradecementos, o intenso traballo, a dedicación e a ilusión. Pero tamén a colaboración e o apoio de persoas, empresas e entidades que fixeron posible que hoxe Amipa sexa todo un referente na comarca e que as persoas usuarias “poidamos seguir soñando cun futuro cheo de posibilidades e demostrando todo o que podemos facer”, dixo Lucía Esparís.
Lucía Esparís tamén foi a encargada de transmitir o sentir común das persoas usuarias de Amipa: “O rural é no noso lugar. É a vida que amamos. Nós queremos participar e formar parte do rural”. Afirmación que foi referendada por Begoña Súarez, directora xerente de Amipa e condutora do acto de aniversario, quen, tras agradecer a implicación das familias, subliñou que Amipa é “un proxecto que quere seguir vivo, presente e medrando. Aínda queda moito por facer”.
Jorge Soto foi máis alá e enumerou o que precisan as persoas usuarias de Amipa: “Necesitamos poñer en marcha vivendas tuteladas; contar cun centro de día; ter un servizo de apoio para as nosas familias; participar en actividades da nosa comunidade e en actividades de ocio personalizado e establecer alianzas ca veciñanza, coas asociacións, coas empresas, cos concellos….” Porque, como apuntou Inés Varela, “nós queremos seguir sumando, seguir participando, estar presentes e poñer ao servizo da sociedade os nosos talentos”.
Pola súa banda, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando Abeijón, felicitou a entidade e a todas as familias, e comunicoulle a decisión da Xunta de concederlle 4 novas prazas públicas a AMIPA, co que pasa a financiar as 24 coas que conta o centro ocupacional “e así poder seguir atendendo a máis persoas”.
Ramón Tojo, alcalde de Rois, felicitou á entidade polo seu traballo e a súa traxectoria. “Amipa é unha entidade con iniciativa, que sempre puxo en marcha cousas novidosas. Por iso deixa pegada en todo o que fai”, sinalou Tojo.
Mentres que o bispo auxiliar de Santiago, Francisco Fernández Prieto, agradeceu o convite para visitar por primeira vez a reitoral de Sorribas e o centro de Amipa, e destacou o importante traballo que fai a entidade para beneficiar ás persoas.
Finalmente, a vicepresidenta de Fademga Plena Inclusión Galicia, Carmen Taboada, recordou que Amipa é unha das entidades membros da federación que sempre propuxo iniciativas novidosas dentro do colectivo.
O acto rematou coa actuación das Pandereteiras de Rois, dirixidas por Jéssica Beiroa, e servir tamén para presentar a nova imaxe corporativa de Amipa. A empresa compostelá de comunicación Alicentis deseñou o novo logotipo, no que se reflexar a vinculación das persoas con discapacidade intelectual co mundo rural e o apoio da sociedade, mantendo a cor azul tradicional de Amipa.
Durante os petiscos servidos por Lito Mambís, as persoas asistentes puideron degustar os doces preparados polas persoas usuarias de Amipa “con moito agarimo”, como recalcou Begoña Suárez.