A Asociación Amipa recibe, un ano máis, unha subvención nominativa do Concello de Padrón para o ano 2024.
O Alcalde-Presidente do Concello de Padrón, Don Anxo Rei Arca e o presidente de Amipa, Don José Rodríguez, asinaron o convenio de colaboración para o proxecto de inserción social e laboral para persoas con discapacidade intelectual para este ano 2024, que recolle a concesión da subvención por un importe de 12.000€ e a cesión de persoal para actividades de deportes para as persoas con discapacidade de AMIPA.
Esta subvención contribúe a financiar gastos vinculados e persoal, educador/a social a medida xornada, para programas na área de formación para a vida en comunidade.
En concreto, programas individualizados: formación integral e continua de cada persoa nas distintas áreas da vida co fin de acadar a maior autonomía posible cos apoios específicos e persoais necesarios (como desenvolvemento de plans persoais en comunidade, actividades de ocio comunitario, respiros familiares). E para grupos de traballo formados polas persoas con discapacidade e a/o profesional de AMIPA para apoio ao deseño, desenvolvemento e avaliación dunha serie de liñas de actuación, na que as protagonistas son as persoas con discapacidade (como creación de redes con distintos axentes sociais, participación en eventos sociais organizadas por administracións locais, outras asociacións ou outras entidades
Trátase, en todo caso de proxectos e programas específicos con perspectiva comunitaria que non financian gastos estruturais do concerto social que entrou en vigor en marzo de 2024, asinado por AMIPA coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
A Asociación AMIPA participa tamén como axente social do territorio na Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia de Xénero de Padrón, unha iniciativa impulsada polo Concello para fortalecer a coordinación entre os diferentes recursos e entidades que traballan neste ámbito. A entidade destina fondos propios para colaborar nas accións promovidas desde a Mesa, participando nas reunións cuatrimestrais e nas comisións de traballo creadas arredor de diversas temáticas de sensibilización e prevención da violencia de xénero, contribuíndo á creación dun entorno comunitario máis seguro, respectuoso e igualitario.
En AMIPA reciben servizos e acompañamento en proxectos de vida 24 persoas adultas con discapacidade intelectual da Comarca do Sar (Dodro, Padrón e Rois) e dos concellos de Brión, Teo, das cales 11 son veciñas e veciños de Padrón. Tamén reciben apoios por parte da asociación as súas 24 familias.
A implicación do Concello de Padrón ao longo dos 27 anos de vida da entidade permítelle seguir prestando servizos orientados á inclusión social adultas con discapacidade, nunha contorna rural, misión da entidade social da comarca.

