AMIPA renova o convenio de colaboración co Concello de Padrón para o ano 2025 cunha subvención de 12.000€
Luns, 14 Xullo 2025
AMIPA renova o convenio de colaboración co Concello de Padrón para o ano 2025 cunha subvención de 12.000€

AMIPA renova o convenio de colaboración co Concello de Padrón para o ano 2025 cunha subvención de 12.000€

A Asociación AMIPA recibirá un ano máis unha subvención nominativa do Concello de Padrón para o desenvolvemento do seu proxecto de inserción social e laboral de persoas con discapacidade intelectual durante o ano 2025.

O alcalde-presidente do Concello de Padrón, Anxo Rei Arca, e o presidente de AMIPA, José Rodríguez, asinaron o convenio de colaboración, que recolle unha achega económica de 12.000 euros e a cesión de persoal municipal para o desenvolvemento de actividades de inclusión social coas persoas con discapacidade intelectual.

Esta subvención contribúe a financiar os gastos de persoal —en concreto, unha educadora social a media xornada— e diversas accións formativas e de acompañamento para a vida en comunidade. O apoio permite manter programas individualizados de formación integral e continua, orientados a fomentar a autonomía persoal e a participación social das persoas con discapacidade, a través de plans personalizados, actividades de ocio inclusivo e servizos de respiro familiar.

Ademais, o financiamento tamén sostén o traballo en grupos participativos formados por persoas con discapacidade e profesionais de AMIPA, que deseñan e avalían liñas de actuación comunitaria: creación de redes con diferentes axentes sociais, participación en eventos locais (como o Entroido, o 8M ou o 25N), e colaboracións con outras entidades da comarca e de Galicia, entre elas os encontros de Mulleres Rurais de Urdilde ou o proxecto Airea Líderes de EVD Galicia.

A subvención municipal tamén cofinancia a participación da profesional AMIPA no programa de desenvolvemento e cambio organizacional “Virada Teal”, unha iniciativa dirixida a entidades da economía social galega. O seu obxectivo é impulsar modelos máis horizontais e participativos de xestión, que melloren o benestar das persoas traballadoras e a calidade do acompañamento a persoas con discapacidade e ás súas familias.

Así mesmo, a profesional de AMIPA, educadora social, forma parte do proxecto estatal Tool Lab Consolida 2024-2025, financiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social con fondos europeos Next Generation, no marco do PERTE da Economía Social. A través da Rede Tool Lab esta iniciativa busca fomentar a innovación e modernización das organizacións de economía social que traballan con persoas con discapacidade intelectual, co fin de aumentar a eficacia e calidade dos seus servizos.

Cómpre salientar que estas axudas municipais e proxectos teñen unha perspectiva comunitaria e de innovación social, e non financian gastos estruturais recollidos no concerto social asinado por AMIPA coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, vixente desde marzo de 2024.

Na actualidade, AMIPA ofrece apoio e acompañamento personalizado a 24 persoas adultas con discapacidade intelectual da Comarca do Sar (Dodro, Padrón e Rois) e dos concellos de Brión e Teo. Das 24 persoas atendidas, 11 son veciñas e veciños de Padrón —6 mulleres e 5 homes— con idades comprendidas entre os 22 e os 55 anos. Tamén reciben apoio as súas 24 familias.

A colaboración continuada do Concello de Padrón ao longo dos 28 anos de traxectoria de AMIPA resulta un apoio fundamental para que a entidade poida manter  máis servizos de inclusión social no ámbito rural e semiurbano, en coherencia coa súa misión de promover a vida plena e a participación comunitaria das persoas con discapacidade intelectual na comarca.

Scroll ao inicio