O convenio de colaboración para 2026 permitirá desenvolver programas de autonomía persoal, participación comunitaria e innovación social, así como avanzar cara a un modelo de organización máis participativo.
A Asociación AMIPA contará un ano máis co apoio do Concello de Padrón, a través dunha subvención nominativa de 12.000 euros, destinada ao desenvolvemento de programas e actividades que promoven a inclusión social e a participación na comunidade das persoas con discapacidade intelectual.
O alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca, e o presidente de AMIPA, José Rodríguez Romero, asinaron o convenio de colaboración correspondente ao ano 2026, que contempla, ademais da achega económica, a cesión de persoal municipal para apoiar o desenvolvemento de actividades de inclusión social.
Apoios personalizados para unha vida máis autónoma e participativa
A achega municipal contribúe a financiar os gastos de contratación dunha educadora social a media xornada, así como accións formativas e de acompañamento orientadas á vida en comunidade, á comunicación e ao desenvolvemento organizativo.
Estes recursos permiten ampliar as oportunidades de participación das persoas con discapacidade intelectual mediante programas individualizados de formación integral e continua, plans personalizados, actividades de lecer inclusivo e servizos de respiro familiar.
O obxectivo é favorecer a autonomía persoal, fortalecer as relacións sociais e facilitar que cada persoa poida tomar decisións e participar activamente na vida da súa comunidade.
As persoas con discapacidade, protagonistas das decisións de AMIPA
Unha parte da subvención destínase tamén ao desenvolvemento de grupos de traballo participativos, integrados por persoas con discapacidade intelectual, representantes da Xunta Directiva e profesionais da asociación.
Estes grupos traballan conxuntamente no fortalecemento da comunicación de AMIPA, especialmente nas redes sociais, e na mellora da súa estrutura económica e organizativa.
Trátase dunha aposta por avanzar cara a unha organización na que as persoas con discapacidade intelectual non sexan unicamente destinatarias de apoios e servizos, senón que participen nas decisións e contribúan activamente á construción do futuro da entidade.
Innovación social e novas formas de organización
O apoio do Concello de Padrón tamén cofinancia a participación dunha muller con discapacidade intelectual e de tres profesionais de AMIPA no programa «Virada Teal», unha iniciativa de desenvolvemento e transformación organizativa dirixida a entidades da economía social galega.
Este proceso promove modelos de xestión máis horizontais, colaborativos e participativos, que favorezan o benestar dos equipos profesionais, a corresponsabilidade na toma de decisións e a mellora da calidade dos apoios ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias.
A participación neste programa forma parte do compromiso de AMIPA coa innovación social e coa transformación das organizacións para que sexan máis coherentes cos valores de inclusión, autonomía e participación que promoven.
Cómpre destacar que a subvención municipal financia actuacións complementarias, de carácter comunitario e innovador, e non gastos estruturais incluídos no concerto social que AMIPA mantén coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia desde marzo de 2024.
Un compromiso coa inclusión na comarca do Sar
Na actualidade, AMIPA presta apoio e acompañamento personalizado a 24 persoas adultas con discapacidade intelectual, procedentes dos concellos de Padrón, Rois e Dodro, na comarca do Sar, así como de Brión e Teo.
Destas 24 persoas, 11 son veciñas e veciños de Padrón —6 mulleres e 5 homes—, con idades comprendidas entre os 22 e os 55 anos. A entidade tamén ofrece orientación e apoio ás súas 24 familias.
A colaboración continuada do Concello de Padrón, ao longo dos 29 anos de traxectoria de AMIPA, constitúe un apoio fundamental para ampliar as oportunidades de inclusión social no ámbito rural e semiurbano.
Esta alianza permite seguir avanzando cara a un modelo no que as persoas con discapacidade intelectual poidan exercer unha cidadanía activa, achegar os seus talentos e participar en iniciativas que contribúan ao benestar de toda a comunidade.
Un compromiso que conecta directamente co propósito de AMIPA, construído a partir da voz e dos desexos das propias persoas con discapacidade intelectual:
«Coñecer xente, facer cousas con sentido e que se cumpran os nosos soños».
Porque construír comunidades que funcionen ben para todas as persoas require escoitar, recoñecer os talentos de cada quen e crear oportunidades reais para participar e contribuír.

